Saturday 27 de April de 2024

O Concello de Brión conmemorará o mes da biblioteca con espectáculos gratuítos todos os venres na sala municipal de exposicións


O programa arrincou este venres coa obra “Extra!” de Paco Nogueiras

O Concello de Brión conmemorará o mes de biblioteca programando espectáculos gratuítos todos os venres de outubro, ás 18:00 horas, na sala municipal de Exposicións. Unhas actuacións dirixidas a toda a familia e para as que haberá que reservar localidade a través de bibliotecadebrion@briondixital.com, de forma presencial na biblioteca municipal ou a través do teléfono 981 59 99 69 (Tardes).

Unha programación que arrincou cun gran éxito de público este venres, cando o artista Paco Nogueiras puxo sobre o escenario o seu espectáculo Extra!. Case medio cento de brioneses e brionesas de todas as idades desfrutaron deste curioso xornal musical. Para o próximo venres 8 de outubro queda “Médico de familia”, de Pedro Brandariz; o 15 de outubro será a quenda da música rock de Pakolas co espectáculo “Ramóna Óbriga”. Pecharán o ciclo Moc-Moc-MeRe Clow con “Circo na carga” e Rigoletto Teatro, con “Cantando con Pinocchio”.

En todos os espectáculos respectaranse as normas ditadas polas autoridades sanitarias para garantir a seguridade das persoas asistentes. Por iso, será obrigatorio o uso de máscara, a hixienización de mans con xel hidroalcólico na entrada e permanecer sentados en cadansúa cadeira mantendo a distancia de seguridade entre persoas que non convivan.